Santiago de Compostela, 26 Outubro 2011,- As máis de 430.800 mulleres que residen nas comarcas do Baixo Miño e Paradanta (Pontevedra), na comarca de Verín (Ourense) e nas subrexións portuguesas de Minho-Lima e Cávado van beneficiarse dos servizos de catro centros de dinamización integral, situados en Tui, A Cañiza, Monterrei e Vilaverde, que entrarán en funcionamento este mesmo ano. Esta rede de centros vai por a disposición das usuarias estruturas compartidas para optimizar os recursos e as políticas de igualdade de oportunidades e de prevención da violencia de xénero a ambos lados da raia. Esta iniciativa, baseada no criterio colaborativo de compartir equipamentos e recursos, é resultado do compromiso das administracións de Galicia e Portugal a través do proxecto CEDIM, dentro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, POCTEP, 2007-2013.
O proxecto, que conta cun presuposto de 712.225 euros financiado no 75% por fondos FEDER, foi presentado esta mañá en Santiago, nunha xornada á que asistiron en representación da Administración galega as titulares dos tres departamentos implicados na iniciativa, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, Covadonga Toca. En representación da Administración portuguesa asistíu Teresa Carvahlo, da Comissão para a Cidadanía e Igualdade de Xénero.
O espazo territorial transfronteirizo no que se desenvolve este proxecto é un área de ampla tradición colaborativa e estreitos vínculos sociais, económicos e culturais que, por primeira vez a través do proxecto CEDIM, van facerse extensivos ás políticas de igualdade de oportunidades para a poboación feminina.
O perfil sociolaboral das mulleres que residen nesta zona xeográfica participa dos roles tradicionais de xénero. As mulleres son as que maioritariamente se ocupan do labor doméstico, especialmente nas zonas onde predomina a poboación máis envellecida e son tamén elas as que atopan maiores dificultades de empregabilidade nun territorio que demanda perfís con baixa ou pouca cualificación.
Para mellorar a cualificación, as condicións de empregabilidade, o emprendemento e as oportunidades das mulleres cun criterio de eficacia, estes centros transfronteirizos adecuarán as actividades dinamizadoras ao perfil das demandantes, en eidos como a formación ou a orientación laboral.
Más información, en la web
No hay comentarios:
Publicar un comentario